
A nosa historia
A historia da Batalla de Casaldeirigo
Baixo os outeiros do monte Xesteira, nas inmediacións da Capela da Saúde, o exército galego, auxiliado polos campesiños do lugar, armados coas súas rudimentarias armas e con máis ganas que posibilidades, libraron unha cruel batalla, corpo a corpo coas tropas napoleónicas invasoras. "Chuzos" e "galletas" contra sabres e fusís; David contra Goliat; labradores contra soldados franceses profesionais. Esta foi a esencia da batalla de Casal do Eirigo. Malia non alcanzar a vitoria completa, os campesiños si lograron facer recuar aos franceses, o que soubo a triunfo.
A de Casal do Eirigo foi unha batalla sanguenta. Ante a presenza dunha avanzada de franceses en Padrón, as tropas galegas puxeron rumbo ás terras de Iria. A metade de camiño entre Caldas e Valga, xusto no outeiro de Casal do Eirigo, situouse o batallón da Vitoria, capitaneado por Colombo, avanzando tamén até a zona a compañía de Tiradores do Miño e o 1ª e o 2º batallón de Lobeira, integrado por uns catrocentos recrutas mal adestrados e peor armados, xa que apenas dispoñían de cen fusís. Os soldados franceses, uns mil homes, lanzaron un ataque, pero os destacamentos dos labregos locais lograron rodealos e atacáronos pola retagarda, á vez que os solados abrían fogo desde o cume de Casal do Eirigo. Os franceses tiveron que retirarse e ocultarse en zonas como Xanza, A Tarroeira e San Xulián de Requeixo (Pontecesures).
A loita tivo un segundo acto. Por cada soldado ou paisano galego —máis que soldados eran campesiños mal armados— había cinco franceses armados "até os dentes", e contaban con pezas de artillaría e seccións de cabalaría. O ataque dos franceses foi inminente. Despregáronse polo camiño real (actual estrada N-550) atacando con tres columnas de artillaría. O segundo batallón de Lobera entrou en pánico e os seus integrantes fuxiron, polo que os Tiradores do Miño ocuparon o seu lugar e fixeron retroceder ao inimigo, causándolle moitas baixas. Outros tres batallóns franceses e trescentos xinetes atacaron ao batallón da Vitoria, que loitou heroicamente até o límite das súas posibilidades, até que Colombo ordenou unha retirada que soubo a vitoria xa que as tropas inimigas sufriron 400 mortos e un millar de feridos, por 60 mortos e 120 feridos nos batallóns locais. Pero os franceses non aproveitaron esta retirada, xa que se dedicaron a saquear e queimar casas polas zonas de Setecoros e San Clemente. Ao día seguinte fixéronlles crer que ían cortarlles o paso no viaduto de Pontecesures e que en Padrón se organizaba unha sublevación na súa contra, polo que abandonaron as terras altas de Valga dirixíndose ao val, onde foron acuartelados.

